© Marzio Toniolo/via REUTERS
Durante estes días, é moi probable que esteas pasando máis horas cos teus fillos/as. Non tes claro como utilizar este tempo adicional de forma útil? Propómosche algunhas actividades breves e sinxelas sobre dereitos humanos para que as poidas pór en marcha con eles/as sen saír da casa.
NOTA: As actividades están deseñadas orixinalmente para grupos amplos, e posiblemente ti queiras poñelas en marcha coa túa familia, máis pequena. Non é ningún problema! Nalgúns casos dámosche indicacións de como adaptalas, e noutros casos cremos que se poden pór en marcha sen cambios.
Contando contos e a miña vida en familia
Propómosche estas dúas sinxelas actividades, a través das cales poderás falar cos teus fillos/as sobre as desigualdades de xénero e como se manifestan na nosa vida en familia e nos contos infantís.
Idade: 6+
Preciso adaptala para grupos pequenos? Non.
Un día vivindo sen…
Nesta sinxela actividade, podedes charlar cos vosos fillos/as sobre o que significa vivir sen unha vivenda axeitada, a partir duns cartóns que podedes elaborar vós mesmos e unhas preguntas guía.
Idade: 10+
Preciso adaptala para grupos pequenos? Non.
As alfombras voadoras e un país imaxinario
Propoñémosche estas actividades breves a través das cales podedes reflexionar sobre a interrelación dos dereitos e sensibilizar sobre o traballo infantil, o dereito á educación, o dereito a non sufrir malos tratos e á liberdade de expresión.
Idade: 8+
Preciso adaptala para grupos pequenos? Non
Tan valentes ou máis: un conto interactivo sobre Malala
Propoñémosvos estes contos descargables e interactivos que contan a historia de Malala de forma sinxela e accesible. Neles, a historia da moza paquistaní gañadora do Nobel da Paz é contada a través dunha testemuña excepcional: Candela, a candea viaxeira. Leos a carón dos teus fillos/as!
Idade: 5+ e 9+
Planeta J
O Planeta J existe, e é un lugar que paga a pena explorar. Pon este audiovisual de dous minutos aos teus fillos/as: https://youtu.be/OunLB5_uFGA. Despois comeza unha conversa con eles/as a partir destas preguntas:
- En que se parece o Planeta J ao noso? E en que se diferencia?
- Que podemos facer para conseguir un cambio como o sucedido no Planeta J?
Idade: 10+
Se fose unha persoa refuxiada, como sería a miña vida?
Intenta poñerte na pel dunha persoa que tivo que fuxir do seu fogar e que busca seguridade como refuxiada nun país en paz.
Para isto, só precisas imprimir este taboleiro e as instrucións. Consigue uns dados e algo que che sirva como fichas. E completa o xogo con algunha das actividades que che propoñemos nas instrucións.
Idade: 10+
Preciso adaptala para grupos pequenos? Non
Gustaríache vivir na xungla? A Declaración Universal en dous minutiños
A través deste vídeo animado, youtu.be/AN4pfLBZFeI, explicámosche en que consiste a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en dous minutos. Pónllelo aos teus fillos/as e despois comeza un debate a partir destas preguntas:
- Que dereitos dos que se comentan no vídeo son máis importantes para ti?
- Por que son importantes os dereitos humanos?
Idade: 12+
Falando sobre dereitos humanos….
Pregunta ao teu fillo/a sobre estas cuestións
- Cales cres que son os teus dereitos como neno/a o adolescente? En que consisten?
- Por que cres que é importante ter dereitos?
Despois, vede xuntos/as o seguinte vídeo breve: youtu.be/jENAH-EJJ-0, no que nenos/as e adolescentes contan que é para eles/as ter dereitos e cales lles parecen máis importantes. Despois do visionamento, pregúntalles aos teus fillos/as se cambiarían algunha das súas respostas ou seguen pensando o mesmo.
Idade: 6+
Preciso adaptala para grupos pequenos? Non
Drons e hackers
Convértete nun operador de drons grazas ao videoxogo para smartphones e tablets B3H1ND Drons e Hackers, desenvolvido por Amnistía Internacional e Intelygenz, que te somerxe nas operacións militares con drons, aeronaves non tripuladas e teledirixidas que proliferan nos conflitos armados. Propón aos teus fillos/as que descarguen o xogo e despois pon en marcha a actividade proposta.
Idade: 14+
Preciso adaptala para grupos pequenos? Se queres poñela en marcha coa túa familia, non é preciso que respectes nin os tempos nin a preparación previa que se propoñen na actividade. Sinxelamente, proponlles que xoguen, e despois failles as preguntas do paso dous e o visionamento do vídeo do paso tres. Neste caso, podes prescindir do paso catro.