
Inicio Noticia
A represión e a violencia a mans do Estado continuarán azoutando, con toda probabilidade, a Oriente Medio e o Norte de África en 2012 a menos que os gobernos da rexión e as potencias internacionais abran os ollos á magnitude dos cambios que se lles demandan.

Esta é unha das conclusións que recolle Amnistía Internacional nun informe sobre os dramáticos sucesos do ano pasado. No informe, titulado Ano de rebelión: O estado dos dereitos humanos en Oriente Medio e o Norte de África, a organización describe o xeito en que, en 2011, os gobernos da rexión se mostraron dispostos a despregar unha violencia extrema no seu intento de resistirse ao clamor sen precedentes por unha reforma fundamental.
Con todo, segundo manifesta Amnistía Internacional, os movementos de protesta apenas daban sinal de ter intención de renunciar aos seus ambiciosos obxectivos ou aceptar unhas reformas esporádicas. Salvo escasas excepcións, os gobernos negáronse a recoñecer que todo cambiou. Os movementos de protesta de toda a rexión, encabezados en moitos casos por mozos e nos que as mulleres ocuparon un lugar central, demostraron unha asombrosa resistencia ante unha represión en ocasións alarmante.
Demostraron que non se deixarán enganar por reformas que apenas supoñen diferenza respecto ao trato que reciben da policía e as forzas de seguridade. Queren cambios concretos no xeito en que son gobernados, e queren que os responsables dos delitos cometidos no pasado rendan contas dos seus actos. Con todo, os persistentes intentos dos Estados de ofrecer cambios superficiais, de dar marcha atrás aos logros alcanzados polos manifestantes ou, simplemente, de someter á súa poboación mediante a brutalidade revela que, para moitos gobernos, o obxectivo segue sendo a supervivencia do réxime.
Pese ao enorme optimismo que se viviu no Norte de África co derrocamento dos gobernantes que, durante tanto tempo, ocuparan o poder en Túnez, Exipto e Libia, Amnistía Internacional afirma que estes avances aínda non se afianzaron mediante reformas institucionais clave que garantan que ese tipo de abusos non se repite.
Con todo, o máis sorprendente do pasado ano foi que (salvo excepcións) o cambio logrouse en gran medida polos esforzos da xente corrente que se botou ás rúas, non pola influencia e a implicación de potencias estranxeiras. A determinación da xente corrente de toda a rexión de non deixarse disuadir na súa loita pola dignidade e a xustiza é o que nos dá esperanzas para 2012.
Compártelo